Thursday 16 de May de 2024

O Concello inicia os traballos para renovar máis de 5.000 metros cadrados de superficie de pavimento entre os barrios de Someso, Palavea e A Zapateira


As intervencións, impulsadas polo servizo municipal de Infraestruturas, executaranse progresivamente nas vindeiras semanas na rúa Lamelas, o camiño da Fontaíña e a rúa Roma

O Concello da Coruña, a través da Área de Economía e Planificación Urbana, iniciou esta semana unha nova intervención para renovar o firme da calzada na rúa Lamelas (entre Someso e San Vicenzo de Elviña). Nas vindeiras semanas actuará tamén no camiño da Fontaíña (Palavea) e a rúa Roma (A Zapateira).

Os traballos, promovidos polo servizo municipal de Infraestruturas, serán executados pola empresa Canarga, que acometerá melloras nunha superficie de máis de 5.000 metros cadrados. O plan de actuacións comezou en Lamelas, nun dos principais accesos de tráfico rodado ao campus universitario de Elviña. Neste enclave está previsto actuar sobre 1.746,69 metros cadrados na estrada que conecta a avenida Alfonso Molina coa rotonda lindeira á biblioteca Xoana Capdevielle.

Tamén se levarán a cabo traballos na Fontaíña, en Palavea, onde está previsto adecuar e rozar as beiravías como paso previo á repavimentación, con MBC sobre a base de formigón, do camiño da Fontaíña. A intervención executarase no treito de subida que vai desde a Palavea Vella ata a confluencia coa rúa Álvaro Cunqueiro. En total, actuarase sobre 979,31 metros cadrados.

As obras na rúa Roma, en xaneiro

A terceira das intervencións previstas executarase na Zapateira. Concretamente, no treito da rúa Roma comprendido entre a rúa Augaceiros e a avenida Nova York. Renovarase o firme da calzada en máis de 2.500 metros cadrados de superficie.

Se as condicións meteorolóxicas acompañan, os traballos na rúa Roma comezarán a principios do mes de xaneiro.